domingo, 25 de janeiro de 2009

A ofensiva sionista non acaba cos túneles de Gaza

A dura ofensiva sionista contra a Franxa de Gaza non conseguiu un dos seus principais obxectivos, acabar cos túneles que comunican este territorio palestino con Exipto, moitos dos cales volven funcionar. Residentes da zona aseguran que o 40% sobreviviu aos bombardeos israelís. Tel Aviv deu o visto e prace ao plan que negocia con Exipto para acabar co contrabando de armas, no que os países estranxeiros xogarán un papel relevante.

«Cando acabaron os bombardeos fun a comprobar como estaba o meu túnel e atopei a saída destruída», explica un residente de Rafah de 45 anos que pediu non ser identificado. «Pero cando cría que o esnaquizaron, vin que a boca dunha mangueira asomaba entre os cascallos. Chamei ao meu socio ao lado exipcio, pedinlle que intentase bombear combustible e funcionou», engade satisfeito.

Este palestino pasou os últimos tres días arranxando as desfeitas ao redor da boca do túnel, a súa única fonte de ingresos, que agora volve funcionar a tempo completo.

Os túneles foron a principal vía de escape dos habitantes de Gaza para aliviar o boqueo ao que Israel lles somete desde que Hamas tomou o control de Gaza en xuño de 2007.

Alimentos básicos, tabaco, alcol, combustible e bens de primeira necesidade entraron en Gaza neste último ano e medio a través dos ao redor dun milleiro de subterráneos que comunican vivendas da Franxa con casas no Sinaí exipcio. Ademais, os túneles foron un bo negocio para Hamas, que cobra impostos aos seus propietarios e serviron, segundo denuncia Israel, ás faccións palestinas para introducir armamento nese territorio.

«Escavamos túneles porque non temos outra alternativa. O bloqueo de Israel a Gaza é moi duro e os túneles foron un xeito intelixente de vencelo», sinala a Efe Abu Jazzar, empregado dun túnel de 23 anos.

Durante os 23 días que durou a ofensiva sionista por terra, mar e aire, os F-16 israelís lanzaron centos de bombas e foguetes contra o chamado «corredor Filadelfi», que percorre a rexión de Rafah baixo terra con centos de subterráneos que permiten un respiro a Gaza.

Segundo Jazzar, as bombas «eran tan potentes que penetraban baixo terra e provocaban tremores subterráneos durante segundos. A terra tremía coma se houbese un terremoto».

En funcionamento

Militares israelís aseguran que o 80% destes pasadizos foron destruídos nos ataques aéreos, pero fontes palestinas de Gaza sosteñen que moitos lograron sobrevivir e que xa están en funcionamento. Segundo varios propietarios, ao redor do 50% dos túneles ao oeste da Porta de Salahedin (na cidade de Rafah, xusto fronte á fronteira con Exipto) e o 10% dos que hai construídos ao leste desa porta mantivéronse intactos.

Algúns empezaron a funcionar axiña que como Israel declarou un cesamento do fogo unilateral.

Os primeiros produtos que entraron tras tres semanas sen recibir bens foron combustible, cigarros, refrescos, chocolate e aparellos eléctricos.

«Mentres Israel manteña o bloqueo, non deixaremos de traballar nos túneles, pero se todos os postos fronteirizos ábrense permanentemente, entón este traballo parará inmediatamente», asegura Abu Jabal, propietario dun deles.

Abu al-Baraa, dono doutro pasadizo, afirma que o seu resultou danado e está sendo reparado, pero que o seu irmán perdeu o seu. «Escavaremos outro túnel sexa cal for o custo. Mentres continúe o bloqueo, seguiremos con isto», afirma al-Baraa, quen asegura que polos túneles non entra contrabando de armas, senón bens de primeira necesidade para os preto de millón e medio de habitantes da depauperada Franxa.

Mentres, o Goberno israelí deu o visto e prace ao plan que negocia con Exipto para acabar co contrabando de armas que mantén que se realiza a través dos túneles desde o Sinaí. Non se coñecen os detalles pero se prevé que países estranxeiros terán unha responsabilidade importante nel.

En conversacións con Exipto barallouse o establecemento de postos de control no Sinaí que deteñan aos camións que transportan «equipos ilegais» para Gaza, ademais de fórmulas para impedir a construción de novos túneles e para imposibilitar a saída de barcos con armas cara a Gaza desde o porto exipcio de Port Said.

Fonte: GARA | http://www.gara.net/index.php
_________________________

Nenhum comentário: