domingo, 25 de janeiro de 2009

Israel garante que defenderá aos seus soldados de denuncias por crimes de guerra

Israel garante que defenderá aos seus soldados de denuncias por crimes de guerra
Resolución aprobada hoxe polo Consello de Ministros do país
25/01/2009

O Goberno israelí garantirá defensa legal e política para calquera dos seus militares que sexa denunciado fose do país por crimes de guerra na recente ofensiva militar en Gaza, na que morreron uns 1.400 palestin@s.

Nunha resolución aprobada hoxe polo Consello de Ministros, que preside Ehud Olmert, o Goberno garante que non deixará á súa sorte a ningunha das persoas que participaron nesa ofensiva, se algún tribunal fóra de Israel decidise abrir unha causa por este tipo de crimes.

"Israel dará todo o seu apoio a calquera persoa que actúe en nome do Estado ou enviada por el. Os comandantes e soldados que estiveron en Gaza deben saber que están seguros fronte a estes tribunais", afirmou Olmert ao iniciar a sesión do Consello.

Medo ao futuro

Proposta polo ministro de Defensa, Ehud Barak, en coordinación co Ministerio de Xustiza e a Procuradoría Xeral, a nova lei trata de facer fronte aos temores de moitos militares de ser procesados en tribunais estranxeiros ou ser arrestados cando saian de Israel.

O Ministerio de Defensa ordenou a todos os uniformados que aparezan en medios de prensa con nome e apelido entre o 27 de decembro e o 18 de xaneiro, período da ofensiva militar, que informen a un coordinador xurídico designado especialmente para poder alertarlles de posibles demandas.

Numerosos organismos internacionais e organizacións de dereitos humanos acusaron estas últimas semanas a Israel de cometer crimes de guerra en Gaza e esixiron a apertura de procesos xudiciais tanto en tribunais internacionais como nacionais.

Segundo o "mapa" definido polos autoridades xudiciais de Israel, os países nos que militares israelís poderían afrontar ordes de arresto e xuízo son España, Reino Unido, Francia e os nórdicos.

A estes países recoméndanlles non viaxar ata que se aclare a situación, á vez que suxiren aos militares que informen das súas futuras viaxes para verificar coas embaixadas israelís se existen denuncias contra eles.

Barak destacou que o Estado defenderá a todos os seus militares tanto de ameazas no estranxeiro como dentro de Israel, onde tamén hai organizacións que exhortan a abrir un proceso por crimes de guerra.

Segundo datos do Ministerio de Saúde palestino en Gaza, unhas 1.400 persoas, máis da metade civís e centos deles menores de idade, morreron nos bombardeos israelís en Gaza, na que foron arrasados numerosos obxectivos considerados civís polo dereito internacional.

Fonte: PÚBLICO - http://www.publico.es/
___________

Nenhum comentário: