sexta-feira, 30 de janeiro de 2009

A agricultura en Gaza sufriu graves danos

A FAO teme un incremento da inseguridade alimentaria tras o conflito e prepara intervencións de urxencia
Moitos campesiños en Gaza son incapaces de substituír ou reparar os seus equipos, terras e animais destruídos.


30 de xaneiro de 2009, Roma - A case totalidade das 13.000 familias de Gaza que dependen da agricultura, a gandería e a pesca, sufriron graves danos nos seus activos durante o recente conflito, e moitas granxas foron completamente destruídas, informou hoxe a FAO.

Os danos ao sector agrícola agravaron os problemas xa existentes de produción alimentaria provocados por 18 meses de bloqueo fronteirizo: os insumos agrícolas son demasiado custosos -ou simplemente non se atopan-, o acceso ás terras e o mar restrinxiuse, e a importación e exportación de bens reduciuse drasticamente. Debido á súa limitada produción agrícola, a poboación de Gaza enfróntese a unha grave escaseza de alimentos nutritivos, de produción local e prezo alcanzable. Polo xeral non é posible atopar carne nin proteínas de orixe animal. [Informe da FAO sobre a situación en Gaza, do 23 Xaneiro/en inglés].

A FAO prevé un aumento da inseguridade alimentaria, ao incrementarse o número de familias en Gaza que dependen da axuda alimentaria ou que ven obrigados a consumir alimentos máis baratos e menos nutritivos.

"Os campesiños, que tiñan xa dificultades para obter beneficios antes do conflito, enfróntanse agora á perda irreversible dos seus medios de subsistencia, e son incapaces de substituír ou reparar os seus equipos, terras e animais destruídos", afirmou Luigi Damiani, Coordinador de Proxectos da FAO en Xerusalén. "A moitas mulleres cuxos maridos morreron ou resultado feridos durante o conflito -engadiu-, resúltalles cada vez máis difícil conseguir alimentos para as súas familias".

A FAO renovará pronto as actividades dos seus proxectos en Gaza, e xa comezou a planear intervencións de rehabilitación agrícola de urxencia para apoiar ás familias de campesiños máis vulnerables. A axuda de urxencia incluirá a distribución de paquetes de insumos (incluíndo sementes, plantones, fertilizantes, pensos e equipos veterinarios) para renovar rapidamente a produción agrícola, gandeira e acuícola para a próxima tempada de primavera. As intervencións de axuda centraranse ademais na reparación de invernadoiros danados, cortellos, redes de irrigación e pozos. O organismo da ONU necesitará preto de 6,5 millóns de dólares EE.UU. para estas actividades urxentes, que beneficiarán directamente a unhas 27 500 persoas. A FAO pide tamén fondos para iniciativas de axuda coordinadas por organizacións non gobernamentais e organismos nacionais e internacionais, os doantes e o Ministerio de Agricultura da Autoridade Nacional Palestina.

Fonte: 30-01-2009 Oficina de prensa, FAO (+39) 06 570 53625 FAO-Newsroom@fao.org
_______________

Nenhum comentário: